galego

Regueiros do tempo

Fontes vellas e prados longos, 
pasales esquecidos nas silveiras,
lume eterna baixo do pote
na lareira dos contos e das lendas.

Graneiras onde a hedra medra e medra,
lindeiros de canteiros sen nome
cubertos polos feitizos do musgo
nos nosos días de cativos.

Castiñeiros coas follas secas,
herba húmida nas leiras,
cabezóns que bogan nas correntes,
zapateiros camiñantes das augas,
pan na artesa e fariña na maquía,
carozos no pendello,
palleiros dourados nas eiras.

Nenos fumos e nenos seremos
no regato das lembranzas,
no fungar da choiva no novembro,
no canto co solpor do cuco,
no chorar na noite dos mouchos,
sempre cativos e sempre nenos
na inquedanza e na presenza
da memoria esmorecida no tempo.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *